Concerto da pianista e compositora María Mendoza, o 27 de decembro na Casa da Cultura de Viana do Bolo, ás 19 horas, dentro da programación de concertos da Rede de Auditorios da Deputación de Ourense (reaOU).
“Cronos” (2020) pecha unha triloxía, xunto con Intro (2016) e Nova (2017).
Intro, máquina do tempo; Nova, máquina do espazo e Cronos, unha vez explorado o alleo, máquina de colleita que nos fai volver ás orixes, ao terreal, ao noso planeta e aos seus sons e a súa música.
Cronos é a procura do equilibrio, pivotando sobre dous eixes: esquerda-dereita e arriba-abaixo.
Esquerda-dereita? Cronos proponnos ser as protagonistas dun xogo no que, como en Alicia a través do espello de Lewis Carroll, todo o que sucede nun lado ten o seu reflexo metafórico no contrario. Cada peza deste disco ten o seu irmán bastardo, o seu reflexo no espello, o seu medio pomelo, xa que as medias laranxas non existen neste mundo.
Arriba-abaixo? Cronos, patrón grego da colleita e, á vez, personificación grega do tempo. Porque este disco non existiría sen o tempo, o metrónomo, a forza do pulso. Ese tempo que fai tirar cara a adiante sen mirar atrás, que dá ese empurrón para guindarse ao baleiro, que fai medrar o sementado. Porque cando unha planta medra cara a arriba buscando a luz, aparece vida tamén por abaixo, nas raíces, no inframundo, nas entrañas da terra. E cantas veces nos atrae máis o oculto que o visible!
Atréveste a atravesar o espello e a mergullarte nas entrañas da Terra?